Carlos Casares
Naceu en Ourense, o 24 de agosto de 1941. Cando tiña 4 anos marchou para Xinzo da Limia. Alí, seu pai, Francisco, era mestre. Vivía nun ambiente entre aldeán e vilego, cunha extensa familia espallada en Lamas, Beiro, Sabucedo e Xinzo. Este último lugar márcao moito, incluso reaparece nos seus libros. Alí aprende os nomes das árbores e paxaros e escoita historias da guerra antifranquista. Inicia tamén relación co cine, coa radio, coa lectura, co fútbol, cos xogos e cos xoguetes en miniaturas que el mesmo facía. Na súa infancia foi practicamente feliz con algúns sucesos dramáticos. Sobre os tres anos, case morre no verán afogado nun río onde o salva a súa curmá e despois anos adiante, na mesma situación, salvaría ao seu irmán Xabier. O recordo deses veráns arredor do lume e amenizados con grandes historias contadas por xente querida retratounos na súa literatura e isto foi importante para a súa maneira de ser.
Súa nai, Manolita Mouriño, vivía con moita intensidade o seu catolicismo. Pola contra, seu pai era de ideas liberais e máis escéptico. Carlos comezou en 1952 a estudar no Seminario de Ourense, idea da súa nai. Alí comezou o seu destino literario, xa que publicou un periódico chamado El Averno, e el era "director e único redactor". Don Agustín Madarnás, profesor de literatura foi o seu definitivo propulsor mandándolle escribir un relato que leu en alto. A partir dese momento lía todo tipo de literatura, incluso en verán. No seminario levou excelente formación clásica e pola contra viu episodios de inxustiza. Xa fóra de aí, presentouse a un concurso provincial de relatos breves e, ao gañar, comezou a ter amizade con grandes escritores e artistas.


Afiánzase como escritor con As laranxas máis laranxas de todas as laranxas, Xoguetes para un tempo prohibido ou Os escuros soños de Clío, traduce ao galego O principiño e fai unha edición crítica da obra completa de Curros Enríquez. Inicia unha longa colaboración coa prensa, primeiro con La Región de Ourense e a partir de 1975 con La Voz de Galicia. É unha referencia importante para a política e a cultura de oposición en Galicia, sempre dende as filas do galeguismo autonomista e aparte liderado por Ramón Piñeiro e nucleado en torno a Galaxia, editorial a cuxos traballos se vincula cada vez máis estreitamente. Medra no protagonismo nos anos últimos do franquismo, e acaba expedientado xunto con Méndez Ferrín, Francisco Rodríguez, Xesús Alonso Montero e outros ensinantes polo seu apoio ás reivindicacións do colectivo de profesores non numerarios(os penenes). Vive e traballa en Cangas do Morrazo, aínda que se establece definitivamente en Vilariño da Ramallosa, no concello de Nigrán, onde adquire un terreo e constrúe unha casa. En 1976 recibe o Premio da Crítica Española por Xoguetes para un tempo prohibido, novela que xa acadara o primeiro premio do certame convocado pola Editorial Galaxia para conmemorar o seu 25º aniversario. O 27 de maio de 1978 ingresa na Real Academia Galega. Remata a década publicando o seu ensaio biográfico sobre Curros Enríquez e Ilustrísima, que chegará a ser a súa novela máis coñecida e popular.
No ano 1982, Casares sae elixido deputado ao Parlamento de Galicia pola circunscrición electoral de Ourense. Presentouse ás eleccións como "galeguista independente" nas listas do PSdeG-PSOE e nesa andaina estivo acompañado por Ramón Piñeiro, Alfredo Conde e Benxamín Casal. Casares gardou sempre un excelente recordo daquela primeira cámara autonómica, que presidiu Antonio Rosón no Salón Nobre de Fonseca. O espírito de consenso, ao que tanto contribuíron os deputados galeguistas deu froitos como a aprobación por unanimidade da Lei de Normalización Lingüística, en cuxos debates e redacción xogou Casares un importante papel. Pouco antes de rematar a lexislatura, no ano 1985, Piñeiro decide propoñer a Casares como director da Editorial Galaxia, cargo que desempeñará ata a súa morte, procedendo a unha fonda e modernizadora reestruturación da emblemática editorial viguesa. A actividade política e editorial condicionaron innegablemente a dedicación literaria de Casares. Certamente a principios da década publicara as biografías de Vicente Risco e Otero Pedrayo, así como un saboroso libro de conversas con Ánxel Fole, pero non volverá á creación novelística ata 1987, ano no que aparece Os mortos daquel verán. A pesar destas intermitencias, a obra literaria de Casares empeza a interesar fóra de Galicia e a ser traducida ao castelán (Os escuros soños de Clío, en 1984; Ilustrísima, en 1986; Os mortos daquel verán, en 1987, o mesmo ano da súa edición en galego). E, respondendo a unha invitación da Unión de Escritores da Unión Soviética, viaxa en 1983 pola extinta URSS, impartindo conferencias e participando en seminarios xunto con outros escritores, como Manuel Vázquez Montalbán ou Joan Perucho, cos que establecerá unha intensa e durareira relación de amizade. O pasamento de Ramón Piñeiro en 1990 marca a fin dunha etapa na historia do galeguismo e na vida de Casares, quen a partir dese momento e ata a súa propia morte vai ter que desempeñar un papel moi semellante ao xogado nos anos anteriores polo seu amigo e mestre.

O día anterior á súa morte entregou en Galaxia a versión definitiva de O sol do verán. Os que estiveron con el no hospital contan que minutos antes de morrer, bromeou e mesmo botou algunha risa. Era o 9 de marzo de 2002 pola mañanciña.

(Silvia Vilas e Alicia Pardo)
No hay comentarios:
Publicar un comentario