23/11/17

Ceiba de luz


No día de onte tivo lugar a presentación do libro CEIBA DE LUZ de Manuel Lourenzo González, premiado co Jules Verne de literatura xuvenil 2017.
No acto, organizado en colaboración co Ateneo de Pontevedra, o autor estivo acompañado polo editor Manuel Bragado e o profesor Anxo González, co que mantivo unha conversa moi amena arredor do libro e da escrita.
Nós aproveitamos esta presentación para vos convidar á lectura deste libro cargado de intriga, aventuras e... outras cousas.


22/11/17

ENCONTRO CON MARÍA SOLAR






ENCONTRO CON Mª SOLAR
martes 21 de novembro acudimos ao Teatro Principal co alumnado de 4º de ESO, que previamente lera Os nenos da varíola, para unha charla entre María Solar, Marta López, microbióloga do CSIC  e a responsable da Unidade de Cultura Científica do CSIC, Laura Martínez.
María Solar é licenciada en Xornalismo e en Bioloxía ademais de mestra. Como xornalista traballou na Radio Galega, onde dirixiu e presentou o programa As tardes da Galega, e na TVG, onde presentou programas como Zigzag diario, Ciencianosa, En pé de festa, Arrampla con todo e actualmente: Revista fin de semana.
Algunhas das súas obras son:
Literatura infantil: Vou ter un irmán!!!, As meigas de Lupa, O meu pesadelo favorito,...
Narrativa: As horas roubadas, Os nenos da varíola,...
Neste encontro, de forma atractiva e a través dunha conversa acerca do libro, estas tres mulleres que nos acompañaron achegaron ao alumnado a un dos feitos máis importantes da historia da medicina como é o descubrimento da vacina da varíola por Jenner. Porén, fixeron especial fincapé, no papel dos protagonistas da Expedición Filantrópica de Balmis, sobre todo, no deses nenos elixidos para esa cadea de transporte aos que María Solar lles pon personalidade no seu libro.

17/11/17

MURAL Mª VICTORIA

COMEZA A HOMENAXE
Como xa todos e todas sabemos, no 2018 dedícaselle o día das Letras Galegas a Mª Victoria Moreno e no Torrente Ballester estamos encantad@s. Profesora no noso centro, deixou unha pegada moi grande como compañeira e tamén como profesional do ensino. Ademais tivemos o privilexio de que nos legara a súa biblioteca. Como non imos estar entusiasmados coa elección de Mª Victoria?
A nosa biblioteca leva o seu nome e a partir deste ano contará cun mural que a terá como protagonista. O profesor Manuel Martí dirixe ao alumnado nesta tarefa que lles está quedando impresionante.

 Pero non nos conformamos coa biblioteca e saímos fóra


XURXO SOUTO NO TORRENTE BALLESTER

O 17 de novembro, Xurxo Souto visitou o noso centro con motivo da exposición Bravú XX, movemento do que é un dos fundadores. El, como líder e vocalista da banda de rock Os diplomáticos de Monte Alto e tamén como difusor da música galega de agora e sempre, fixo un magnífico guía da exposición.
Xurxo, ademais de músico, é filólogo clásico e escritor; A tralla e a arroutada e O retorno dos homes mariños son algúns exemplos da súa obra narrativa.
A isto temos que engadir o seu traballo en diversos programas de radio en galego como A tropa da tralla, Aberto por reformas ou Mil ribeiras e tampouco podemos esquecer a súa fase de actor e guionista en producións galegas como Mareas vivas ou Entre bateas.
Recentemente formou o grupo musical Os tres trebóns.

UN PRACER CONTAR CON EL NO NOSO INSTITUTO!!!  


16/11/17

SAÍDA AO TEATRO

O alumnado de 1º de Bacharelato foi ao teatro ver a obra A noiva de don Quixote de Eme2, dentro da programación Ponteatro. Na obra cóntase como, despois da morte de don Quixote, Dulcinea perdeu a esperanza de casar, sobre todo, chamándose Aldonza Lorenzo, non sendo nova nin bela e traballando de camareira nun mesón cervantino.


DÁLLE Á LINGUA


Dálle á lingua
O alumnado do IES Torrente Ballester participou neste espazo de radio, para activar a oralidade en lingua galega, con retallos da obra de Mª Victoria Moreno, do libro de Pepe Carreiro Historia da lingua galega, de Carlos Negro (Penúltimas tendencias)...
Con esta actividade os rapaces e rapazas achegáronse á radio como un medio de comunicación próximo, descubriron a obra de diferentes escritores e practicaron a comunicación oral en galego. 

8/11/17

Exposición BRAVÚ XX (1994/2014)


O Concello de Pontevedra prestounos a exposición BRAVÚ XX, coa que, o EDLG pretende que o noso alumnado coñeza esta referencia cultural. O bravú nace nunha taberna de Viana unha noite de 1994 e son os propios músicos os que crean esta etiqueta que servirá para bautizar o rock cantado en galego.