26/9/19

BENVIDAS E BENVIDOS AO NOVO CURSO

ARRANCA O TREN DE DLG
O tren do EDLG do IES Torrente Ballester ponse en marcha neste curso2019-20.
Animámosvos a subir nel e pasear polos diferentes vagóns nos que atoparedes diversas actividades que serán do voso interese e nas que deberedes colaborar para levalas a cabo. O noso obxectivo é a defensa da nosa lingua e da nosa cultura e pretendemos conseguir que todo o alumnado a empregue en todas as situacións con normalidade e con orgullo, o orgullo de defender o noso.

31/5/19

ENCONTRO CON MANUEL LOURENZO GONZÁLEZ

O alumnado de 2º de ESO leu o libro Tanis I, o Mocos e despois puido conversar co autor, Manuel Lourenzo, que conseguiu contactar con eles e que participasen na charla.



22/5/19

GAÑADORES DO BEN VEÑAS MAIO

O noso instituto conseguiu seis premios no BVM: catro de narrativa, un
de banda deseñada e outro de fotografía. PARABÉNS!!



PABLO CARPINTERO ARIAS

Pablo Carpintero, músico, artesán, investigador galego, doutor en Ciencias pola Universidade de Santiago de Compostela. É director da Asociación de Gaiteiros galegos e destaca como estudoso de diversos instrumentos musicais tradicionais galegos. Foi unha honra traelo ao noso centro.



CELEBRACIÓN DA SEMANA DA ARTE. HOMENAXE A FIQUEIRAS

Despois de celebrar a semana da arte, rematamos coa homenaxe ao noso compañeiro Manuel Martí Figueiras, que ademais de profesor, é un recoñecido pintor e tamén ilustrador.
Kiko da Silva foi o encargado de deixar un debuxo de Manuel na nosa biblioteca; Manuel Lourenzo presentou o acto e ao noso compañeiro, Martí. Logo unhas alumnas fixeron un debuxo do homenaxeado, que lle entregaron como agasallo.


 





25/4/19

EXCURSIÓN A SANTIAGO

Excursión de 3º e 4º de ESO a Santiago para visitar a catedral e ver o Pórtico da Gloria cunha guía. Ademais puido gozar dunha exposición na Cidade da Cultura "Pensar coas mans. Cestería, cerámica e xoiería de Galicia".







12/4/19

VISITA AO SALÓN DO LIBRO

O alumnado de 1º de ESO visitou o Salón do Libro, este ano dedicado á Revolución. Temos que dicir que foi bastante decepcionante. En primeiro lugar pola rapidez coa que nos fixeron andar polo Salón, case non nos podían explicar, dado o número de alumnado que tiñan para facer o percorrido polas diferentes salas. En segundo lugar, no obradoiro que nos ofreceron, alumnado de primeiro de ESO compartiu charla con universitarios e non foi nada acertado para a idade das rapazas e dos rapaces que nós levamos, sobre todo pola súa duración e contido. O alumnado non foi parte activa do obradoiro, senón pasiva, limitouse a escoitar.




26/3/19

LIBRE O MEU PENSAMENTO - Día de Rosalía 2019

O alumnado que forma parte do Consello da Muller Nova tamén quixo visibilizar a figura de Rosalía de Castro no aniversario do seu nacemento. Este é o vídeo que fixeron:


APRENDEMOS A REGUEIFAR

O alumnado de 2º da ESO participou nos obradoiros de regueifa da concellaría de Normalización Lingüística. Aprenderon os trazos básicos da regueifa e xa comezaron a facer as súas propias creacións. Quedaron con ganas de máis!







17/3/19

OPS! O GALEGO, A NOSA VANTAXE

Obradoiro impartido por AGAL co obxectivo de que o alumnado comprenda que o galego é unha entrada privilexiada para acceder ao portugués e que polo tanto valore a súa potencialidade e contrarreste os prexuízos.




12/3/19

LANGUAGE PLANNING

O alumnado de 4º de ESO asistiu ao teatro para ver a obra Language planning a cargo dos Quinquilláns, que de forma cómica e retranqueira foron tratando distintos aspectos da lingua galega e o seu uso, a partir de relatos de Made in Galiza de Sechu Sende.




21/1/19

ROTEIRO CASTELAO

Neste percorrido, que comezamos na praza de San Xosé, onde se nos contou a historia do Café Moderno, logo seguimos pola rúa da Oliva, praza da Ferraría, praza da Verdura, praza da Leña, igrexa de San Bartolomeu, Sexto Edificio do Museo, praza da Pedreira, rúa César Boente, praza de Méndez Núñez, Rúa Real, praza das Cinco Rúas, praza do Teucro, Teatro Principal e praza de Santa María. Foi un percorrido no que, ademais de recordar a historia da cidade, se nos achegou a vida de Castelao na súa etapa máis prolífica e multifacética.


14/1/19

ROTEIRO MARÍA VICTORIA MORENO

O alumnado de 3º de ESO achegouse, unha vez máis, a través deste roteiro guiado, á figura de Mª Victoria Moreno. Quizais o exemplo desta estremeña entregada ás letras galegas lle sirva ao noso alumnado, que máis ca nunca renega do noso idioma, a valorar unha lingua que foi adoptada por persoas que, nacendo castelán falantes normalizáronse en galego, defendérono e entregáronse á supervivencia cultural de Galicia.