María Victoria Moreno, mestra e escritora, naceu en Estremadura. En Madrid licenciouse en Filoloxía Románica. No ano 1963 chegou a Pontevedra. Logo dunha etapa en Lugo e Vilalonga (Sanxenxo) volve a Pontevedra, onde foi profesora nos institutos Valle-Inclán e Torrente Ballester, desde os anos 80 ata a súa xubilación.
Desde o comezo, identificouse con Galicia e coa súa cultura. Tamén participou activamente na vida cultural e política da cidade e do país colaborando en conferencias, cursos e encontros literarios. Ademais de novelas e contos, escribiu obras de ensaio, colaborou na redacción de libros de texto e dirixiu a colección "Árbore" da editorial Galaxia.
Como profesora, afanábase na procura dun método de ensino no que prevalecese o gozo que supón a aprendizaxe. Fronte ás prohibicións, a censura e o medo, María Victoria ofrecía liberdade e xogos. Alimentaba os seus "cachorros" de palabras fermosas. A eles deixou en herdanza a súa biblioteca persoal.



Anagnórise(1989) é unha das obras con máis éxito da literatura xuvenil galega. A xeito de "road-movie", unha muller misteriosa recolle no seu coche a un desorientado adolescente que emprenderá unha viaxe cara ao coñecemento. Guedellas de seda e liño (1999), mención especial White Ravens 2002, retrata dous mundos, o paio e o xitano, a través da vida de dúas nenas e un primeiro amor. No 2004, afectada polo cancro de mama que lle levou a vida, escribiu Diario da luz e a sombra, reflexión sincera e valente sobre os efectos da enfermidade.
María Victoria era xenerosa e decidida, valorosa ante a vida, o amor e a morte. Malia ter pasado por momentos moi duros, apostaba pola esperanza. Gustáballe pasear amodo, cociñar, a música, os cans e as flores. Amaba "a beleza da paisaxe, da vida, das persoas e das palabras".
No hay comentarios:
Publicar un comentario