11/1/17

CONVOCATORIA DO CONCURSO DE VÍDEOS
Concurso de vídeos publicitarios
O Equipo de Dinamización Lingüística do IES Torrente Ballester, con fin de promover o uso da lingua galega, convoca un concurso de vídeos, cuxas características se explican a continuación:
Tema
Os vídeos terán como obxectivo promover o uso do idioma galego, sobre todo entre a mocidade; combater os prexuízos sobre esta lingua; favorecer actitudes positivas cara a ela; etc.
Duración
Os vídeos terán unha duración máxima de cinco minutos, polo que quedarán excluídos todos aqueles que superen o dito tempo.
En todo caso, poden durar menos dese tempo sen que iso inflúa na puntuación final do traballo.
Prazo de entrega
Os participantes poderán entregar os traballos a partir do 9 de xaneiro e ata o 31 dese mesmo mes.
Quedarán descualificados os traballos entregados con data posterior.
Lugar e forma de entrega
Os traballos deberán entregarse na conserxería nun CD/DVD que irá metido nun sobre, no interior do cal figurarán tamén os datos dos participantes (nome e apelidos e curso)
Características
Excluiranse aqueles vídeos que sexan ofensivos, sexistas ou discriminatorios dalgún xeito.
Valorarase a orixinalidade, a creatividade, a ironía, a claridade da mensaxe e calidade da imaxe e do son.
Poderán levar asociadas cancións ou música para acompañar a mensaxe que se queira transmitir, sempre que estes efectos sonoros estean motivados dalgún xeito.
Todas as persoas participantes ao entregar o traballo comprométense, e polo tanto autorizan, a permitir que o Equipo de Dinamización Lingüística publique os vídeos no seu blog.
Destinatarios
Poderá participar todo o alumnado deste centro educativo, independentemente da idade e do nivel académico que estea a cursar.
Premios
Con fin de animar á participación e de valorar o esforzo, a creatividade e a dedicación das persoas participantes establécense varios premios de diversa contía:
  • Primeiro premio: 75 €
  • Segundo premio: 50 €
  • Accésit: 25 €
Os premios recibiranse en forma dun vale co que os gañadores ou gañadoras poderán comprar nos comercios de Pontevedra material diverso como roupa, material escolar, etc.

No hay comentarios:

Publicar un comentario