25/1/11

30 de Xaneiro "Día da paz"


DECÁLOGO PARA MEDRAR NA PAZ

1. Es alguén moi importante. Quérete a ti mesmo.

2. Valora aos teus amigos. Daralles seguridade.

3. Descubre todo o que te une aos demais por riba do que te separa.

4. Respecta as opinións. Así contribuirás ao diálogo.

5. Aprende a escoitar, comprenderás mellor aos demais.

6. Esfórzate por terminar ben as túas tarefas. Gozarás co resultado.

7. Cumpre coas túas responsabilidades, os demais necesítano.

8. Traballa en grupo. Ninguén sabe máis que todos xuntos.

9. Comparte as túas cousas cos demais. Farate moi feliz.

10. Pon paz dentro de ti, desta forma estarás poñendo tamén paz ao teu redor.



20/1/11

XORNADAS DE TOPONIMIA



Colaboración na organización das III XORNADAS DE TOPONIMIA. “Estudo dos nomes de lugar. Aplicacións didácticas”. Dado o traballo que estamos realizando no noso instituto cos alumnos arredor da toponimia, comentamos co Concello a posibilidades de facer unhas xornadas nas que tamén pudiesen participar os alumnos/as do centro. A Concellaría de Normalización Lingüística apoiou a proposta e as xornadas estanse realizando nestes días: 17, 19, 24, 27, 29 de xaneiro, 1 e 3 de febreiro de 2011 no Pazo da Cultura, excepto o sábado 29 que se fará unha saída de campo. Achegamos o programa.

20/12/10

E para que serve o Galego?

View more webinars from torrentegalego.

Vía correo electrónico chegounos esta fermosa presentación que elaborou Xosé, pareceunos tan interesante que, co seu permiso, atrevémonos a difundila no noso blog para que todos poidades gozar dela. Non estades moi de acordo co que nos está a dicir?

9/12/10

Postais de Nadal

Os alumnos opinan


A exposición “O galego tamén noutros mundos” non pasou en balde polo IES G. TORRENTE BALLESTER. Vexamos o que aprenderon con ela Uxía Domato e Cintia Cabada de 3º de ESO.
O galego comezou como a lingua dun reino poderoso e amplo que comprendía a actual Galicia, Asturias, León e Zamora e chegaba ata Lisboa. Nesta época era coñecido como galego-portugués e era tan importante que incluso o usaban trobadores e xograres, que non pertencían a este reino, para compoñer as cantigas de amor, amigo e escarnio e maldicir.
Na actualidade a xente considera que o galego é unha lingua pouco útil e que perdeu o seu prestixio. Porén non hai nada máis lonxe da realidade, xa que co galego podes comunicarte cuns 250 millóns de persoas (Angola , Portugal, Brasil, Timor, Guiné Bissau...). Isto explícase pola historia común do galego e o portugués que, aínda que empezaron a seguir camiños por separado a partir do século XV, as semellanzas entre esas dúas linguas seguen sendo maiores cás diferenzas.
A importancia da nosa lingua tamén se manifesta en que foi elixida por escritores que non sendo da nosa terra escribiron en galego (Federico García Lorca, Mª Victoria Moreno, Úrsula Heinze, Eduardo Jorge Bosco, Anne Marce Morris, Jhon Thompson...). Falando de escritores, hoxe contamos cun grande número deles que non por usar a nosa lingua deixaron de ser recoñecidos máis alá das nosas fronteiras grazas as traducións que se fan a outras linguas. Tamén se produce a situación inversa: en galego podemos aprendelo todo, ler os clásicos, os best sellers, informarnos sobre o mundo, a ciencia , a historia...As traducións ao galego comezan a ser parte normalizada da actividade editorial e dos lectores/as.
Máis demostracións do uso do galego son a existencia de páxinas web na nosa lingua (Vieiros, Blogaliza, Galego 21.net,, Eu falo.tv,...). A publicidade e a etiquetaxe é outro eido no que se está introducindo o galego, como garantía de calidade (Sargadelos, Reizentolo, Viña do avó,...). A lingua galega vende e non é un atranco para sobresaír fóra de Galiza e chegar a ser internacionais, isto demóstrao tamén a nosa música, con premios e éxitos importantes: Andrés do Barro, que incluso no franquismo foi número un, Mercedes Peón, etc. Outros artistas que tamén optaron polo noso son Carlos Núñez, Uxía...No 2008 creouse a plataforma Galicia Tunes para promocionar os nosos talentos.
Pero se todo isto non son mostras de abondo para demostrar a importancia do galego, tamén podemos presumir de que a nosa lingua se pode estudar por todo o mundo, dentro da Península Ibérica, pero tamén fóra: Londres , París, Berlín, Bos Aires, San Petesburgo, etc.
Ademais de todo o exposto, o principal valor dunha lingua son os seus falantes e este idioma noso coñeceu o esplendor durante séculos e nas peores épocas resistiu grazas ao pobo. Milleiros de persoas falan o galego e decláranse orgullosos de posuír unha lingua propia e de poder usala. Existen plataformas como “Queremos galego” que defenden a igualdade de dereitos, a normalización e a convivencia lingüística.
A única conclusión posible: Debemos sentirnos uns galegofalantes orgullosos.

1/12/10

Os alumnos opinan


Un alumno de 1º de ESO comenta a visita á illa das esculturas:

O pasado xoves, os alumnos e alumnas de 1º de ESO, do IES Torrente Ballester de Pontevedra, fixemos unha visita cultural á Illa das Esculturas.
Durante o percorrido fomos descubrindo as obras de arte que alí se atopan (a Pyramid de Dan Graham, o Laberinto de Robert Morris, a Liña de Pontevedra de Richard Long…)
Tamén descubrimos a fauna e a flora deste marabilloso, e descoñecido para moitos, parque natural de Pontevedra.

Para rematar a visita fixemos un xogo “Á procura do tesouro” que foi moi divertido.

Animo a todos os pontevedreses a que se acerquen a gozar deste lugar tan especial.
Tomás Fernández Buceta 1º ESO C.

24/11/10

Muiño das covas


Muiño das Covas,Salceda de Caselas,Pontevedra
Cargado por torrentegalego. -
Documento recollido por Telmo Fernández en Salceda de Caselas, provincia de Pontevedra

16/11/10

Visitamos a Comarca do Barbanza


Visita á COMARCA DO BARBANZA cos alumnos de 2º de Bacharelato, o día 12 de novembro.
A visita comezou en Noia (cemiterio e igrexa), logo Porto do Son, para ver a Atalaia; seguiu co castro de Baroña e o dolme de Axeitos. Despois foron ata o faro de Corrubedo para continuar cara a Ribeira, onde disfrutaron das vistas de A Curota. Rematou a viaxe en Rianxo para lembrar aos escritores desta localidade, que ademais son materia de estudo en 2º de Bacharelato.

14/11/10

Imos ao teatro



O alumnado de 3º de ESO asistiu á representación teatral " VOLPONE" interpretada pola compañía TALÍA TEATRO. A obra trataba o tema da corrupción. Retrata satiricamente a nobres e non tan nobres señores, que teñen como principal interese reunir fortunas sen importar o ridículo que teñan que facer nin o custo que outros teñan que pagar.

12/11/10

Un mundo de linguas

11/11/10

O Galego tamén noutros mundos



EXPOSICIÓN "O GALEGO TAMÉN NOUTROS MUNDOS" NO IES. G. TORRENTE BALLESTER
Esta exposición, desde un punto de vista tanto sincrónico como diacrónico, repasa diversas realidades que exemplifican e evidencian a presenza e relación internacional da nosa lingua e, ao tempo, a súa validez, utilidade e dinamismo como ferramenta de comunicación e como marca de calidade, ligada a unha realidade propia e diferenciada - a galega- que se quere manter como tal no mundo globalizado.
Estamos no mundo en galego "somos" en galego, resultamos interesantes e temos cousas que achegar aos demais xustamente porque temos lingua e cultura de noso.
A exposición " O GALEGO TAMÉN NOUTROS MUNDOS" quere transmitir xustamente a idea de modernidade, vitalidade, cosmopolitismo e universalidade da nosa lingua.
OBXECTIVOS:
Presenta o galego na súa dimensión histórica como lingua culta, normalizada no contexto do reino de Galicia e que foi ferramenta de creación poética literaria da súa época. Demostra a validez do galego para chegar ao coñecemento universal a través de traducións, da Rede, do mundo académico, etc. TRansmite a utilidade do galego no contexto internacional, reforzada pola súa proximidade ao portugués. Difunde entre a poboación galega o interese que esperta a nosa lingua e cultura entre estudosos e estudantes doutros países, a través das súas propias voces e reflexións.

Visitamos a ILLA DAS ESCULTURAS

Visitando "A illa das esculturas" on PhotoPeach



OBRADOIRO: " A NATUREZA É ARTE NA ILLA"
Os alumnos de 1º de ESO fixeron un pequeno percorrido polo contorno da illa das esculturas da Xunqueira, para achegarse aos seus valores naturais e artísticos.
Dous monitores realizaron explicacións sobre a arte, a fauna e a flora que se pode observar na illa. Despois o alumnado participou no xogo " a illa do tesouro" onde tiña que superar un conxunto de probas e pistas empregando o enxeño, o sentido común e resolvendo as claves presentadas durante o percorrido. Empregáronse elementos característicos da iconografía pirata como cofres e mapas.

Polo San Martiño trompos ao camiño

Bailando a Buxaina on PhotoPeachO xoves, 11 de novembro de 2010 o alumnado e o profesorado do IES TORRENTE BALLESTER dedicou o recreo a facer bailar os trompos.
Os xogos tradicionais son actividades lúdicas que forman parte do Patrimonio dos pobos e que enriquecen persoal e culturalmente a cada comunidade ademais de seren integradores e saudables.
O peón xógase tradicionalmente no outono como así o demostra a fraseoloxía galega:
POLO SAN MARTIÑO PEÓNS AO CAMIÑO
POLA SANTA OLAIA PEÓNS Á BORRALLA
POLO SAN ANTÓN PEÓNS AO CAIXÓN

8/11/10

O Outono

2/11/10

Os alumnos de EDLG no programa de Onda Cero



Os alumnos do EDLG participaron no programa de ONDA CERO "As cousas polo seu nome" que se emitirá a semana que vén.
Os rapaces/as contaron contos, frases feitas, adiviñas, cancións, oracións e incluso nos ensinaron como quitar o mal de ollo. Previamente recolleran en gravacións toda esta riqueza oral.