9/12/10

Os alumnos opinan


A exposición “O galego tamén noutros mundos” non pasou en balde polo IES G. TORRENTE BALLESTER. Vexamos o que aprenderon con ela Uxía Domato e Cintia Cabada de 3º de ESO.
O galego comezou como a lingua dun reino poderoso e amplo que comprendía a actual Galicia, Asturias, León e Zamora e chegaba ata Lisboa. Nesta época era coñecido como galego-portugués e era tan importante que incluso o usaban trobadores e xograres, que non pertencían a este reino, para compoñer as cantigas de amor, amigo e escarnio e maldicir.
Na actualidade a xente considera que o galego é unha lingua pouco útil e que perdeu o seu prestixio. Porén non hai nada máis lonxe da realidade, xa que co galego podes comunicarte cuns 250 millóns de persoas (Angola , Portugal, Brasil, Timor, Guiné Bissau...). Isto explícase pola historia común do galego e o portugués que, aínda que empezaron a seguir camiños por separado a partir do século XV, as semellanzas entre esas dúas linguas seguen sendo maiores cás diferenzas.
A importancia da nosa lingua tamén se manifesta en que foi elixida por escritores que non sendo da nosa terra escribiron en galego (Federico García Lorca, Mª Victoria Moreno, Úrsula Heinze, Eduardo Jorge Bosco, Anne Marce Morris, Jhon Thompson...). Falando de escritores, hoxe contamos cun grande número deles que non por usar a nosa lingua deixaron de ser recoñecidos máis alá das nosas fronteiras grazas as traducións que se fan a outras linguas. Tamén se produce a situación inversa: en galego podemos aprendelo todo, ler os clásicos, os best sellers, informarnos sobre o mundo, a ciencia , a historia...As traducións ao galego comezan a ser parte normalizada da actividade editorial e dos lectores/as.
Máis demostracións do uso do galego son a existencia de páxinas web na nosa lingua (Vieiros, Blogaliza, Galego 21.net,, Eu falo.tv,...). A publicidade e a etiquetaxe é outro eido no que se está introducindo o galego, como garantía de calidade (Sargadelos, Reizentolo, Viña do avó,...). A lingua galega vende e non é un atranco para sobresaír fóra de Galiza e chegar a ser internacionais, isto demóstrao tamén a nosa música, con premios e éxitos importantes: Andrés do Barro, que incluso no franquismo foi número un, Mercedes Peón, etc. Outros artistas que tamén optaron polo noso son Carlos Núñez, Uxía...No 2008 creouse a plataforma Galicia Tunes para promocionar os nosos talentos.
Pero se todo isto non son mostras de abondo para demostrar a importancia do galego, tamén podemos presumir de que a nosa lingua se pode estudar por todo o mundo, dentro da Península Ibérica, pero tamén fóra: Londres , París, Berlín, Bos Aires, San Petesburgo, etc.
Ademais de todo o exposto, o principal valor dunha lingua son os seus falantes e este idioma noso coñeceu o esplendor durante séculos e nas peores épocas resistiu grazas ao pobo. Milleiros de persoas falan o galego e decláranse orgullosos de posuír unha lingua propia e de poder usala. Existen plataformas como “Queremos galego” que defenden a igualdade de dereitos, a normalización e a convivencia lingüística.
A única conclusión posible: Debemos sentirnos uns galegofalantes orgullosos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario