EXPOSICIÓN "O GALEGO TAMÉN NOUTROS MUNDOS" NO IES. G. TORRENTE BALLESTER
Esta exposición, desde un punto de vista tanto sincrónico como diacrónico, repasa diversas realidades que exemplifican e evidencian a presenza e relación internacional da nosa lingua e, ao tempo, a súa validez, utilidade e dinamismo como ferramenta de comunicación e como marca de calidade, ligada a unha realidade propia e diferenciada - a galega- que se quere manter como tal no mundo globalizado.
Estamos no mundo en galego "somos" en galego, resultamos interesantes e temos cousas que achegar aos demais xustamente porque temos lingua e cultura de noso.
A exposición " O GALEGO TAMÉN NOUTROS MUNDOS" quere transmitir xustamente a idea de modernidade, vitalidade, cosmopolitismo e universalidade da nosa lingua.
OBXECTIVOS:
Presenta o galego na súa dimensión histórica como lingua culta, normalizada no contexto do reino de Galicia e que foi ferramenta de creación poética literaria da súa época. Demostra a validez do galego para chegar ao coñecemento universal a través de traducións, da Rede, do mundo académico, etc. TRansmite a utilidade do galego no contexto internacional, reforzada pola súa proximidade ao portugués. Difunde entre a poboación galega o interese que esperta a nosa lingua e cultura entre estudosos e estudantes doutros países, a través das súas propias voces e reflexións.