30/5/11

Outras colaboracións

Olimpíadas do saber:

Un ano máis, colaboramos, coas persoas encargadas da biblioteca, na elaboración dun concurso que chamamos do saber, porque os alumnos tiñan que ir respondendo a unhas cuestións que se ían expoñendo nun taboleiro. O equipo gañador foi o que sumou máis puntos:

1º CICLO:

1º Clasificado: “ A cabeza non para” (34 puntos).

2º Clasificado: “ Os sennome” (32 puntos).

2º CICLO:

1º Clasificado: As sulfamidas” (34 puntos).

2º Clasificado: Os frikies” (33 puntos).


III Olimpiada do saber por chusinita

Tamén participamos, xunto coas persoas encargadas da biblioteca, no concurso de narrativa curta , no que resultaron gañadores:

CATEGORÍA A (1º ciclo de ESO): ALDARA OTERO LÓPEZ (1º PREMIO) E

BRAIS GÓMEZ MARTÍN (2º PREMIO)

CATEGORÍA B (2º ciclo de ESO): CINTIA CABADA MALVAR (1º PREMIO) E SARA VIDAL GARCÍA (2º PREMIO).

CATEGORÍA C (bacharelato e ciclos formativos): María Orge (2º PREMIO). O primeiro premio quedou deserto pola baixa calidade dos traballos presentados.

CATEGORÍA D (ex–alumnos/as): Yima Lizeth Ramírez ( 2º PREMIO). Queda deserto o primeiro premio pola baixa calidade e a pouca participación

Encontros con escritoras/es




O EDLG, abusando do noso compañeiro Manuel Lourenzo González, fixemos unha actividade cos alumnos de 1º de ESO que len o seu libro Unha pantasma no colexio e cos de 2º de ESO que len Tanis l, o Mocos. Ademais de falarlles dos seus libros, comentoulles como era para el o proceso creador, deulles algunhas pautas e sobre todo animounos a escribir. Esta actividade realizouse o 27 de Maio.

Animación á lectura para os alumnos de primeiro de ESO

En colaboración coa profesora Mª Jesús Porto. Despois de dedicar varias horas a ler textos en alto, dramatizar, etc., o día da inauguración da Biblioteca este alumnado recitou textos de Mª Victoria Moreno, cuxo nome leva a nosa biblioteca, xa que ademais de ser profesora do centro doounos os seus libros.



2/5/11

Máis premiados


No BEN VEÑAS MAIO, no certame de narrativa categoría A (ata 14 anos), as gañadoras foron dúas alumnas do IES TORRENTE BALLESTER:
1º premio: Cintia Cabada Malvar
2º premio: Aldara Otero López.

O EDLG quere felicitalas porque foron moitos os centros que participaron e os alumnos cos que tiveron que competir.

Tamén temos que darlles os nosos parabéns a Brais Gómez Martín e a Gabriel Gestido Hervés porque conseguiron o 2º premio de banda deseñada na categoría A ( ata 14 anos).

7/4/11

Ben Veñas Maio



Aquí tedes as mostras dos traballos dos nosos alumnos

Na categoría de fotografía cun uso anómalo ou curioso da lingua galega, quedou como finalista Pablo Castro Fouces, que terá que seguir intentándoo. Os comentarios que fixo sobre o uso da lingua galega no cartel eran moi axeitados, pero a participación foi moita e os competidores traballaron ben as súas reflexións.

No cartel publicitario das festas do Pilar da bisbarra do Ventorrillo hai moitos fallos ortográficos. Este cartel estaba distribuído por abundantes bares e locais públicos, á vista de calquera transeúnte. O cartel está estruturado da seguinte forma:  DÍA DO PULPO (tería que ser POLBO, xa é hora de que nos acostumemos ao noso léxico)  DENDE ÁS 19 h. FESTIVAL FOLK GALEGO PRESENTADO POR XURSO SOUTO. ÁS 21.30 h. BROCHE DE ORO COA ACTUACIÓN DA BANDA MUNICIPAL E OS GAITEIROS BAHAMONDE, LAMAS E ROMERO. CORONACIÓN DOS REICES. Se cando saïamos do instituto todos e todas temos asimilado así de ben a nosa lingua é que o ensino en galego funciona ben: confundimos os artigos coas contraccións (as non ás), non sabemos escribir os nomes propios (Xurxo non Xurso), parécenos do máis normal falar de “oro” en vez de ouro e ata nos atrevemos a inventar (reices por reis). Por se isto nos parece pouco, completámolo cun uso innecesario de maiúsculas. Ao fin e ao cabo os que inventaron as regras ortográficas non tiñan nada mellor que facer!  Orquestra , Churrascada, Carpa de Festa (todo isto aparece no referido ao día 11). O día 12 tampouco se queda atrás: Misa Solemne, Nosa Patrona, Sesión Vermut, Orquestra.  Tampouco sabemos moito do uso do posesivo con artigo (MISA SOLEMNE NA HONRA A NOSA PATRONA). Aquí tería que dicir : misa solemne na honra da nosa patrona (preposición de + artigo a). Ou ben : misa solemne en honra á nosa patrona.

Na categoría A (ata 14 anos), no concurso de poesía de BEN VEÑAS MAIO gañou o primeiro premio Marta Gómez. Parabéns!.

A LUZ

Luz é:

Verde, branca, azul, amarela.

A luz é de todas as cores que un queira.

A luz son as cores do firmamento.

A luz é verde, branca, negra…

A luz é da cor dos ollos daquela nena.

A luz é:

Vermella na arte,

vermella nas feridas e

vermella no sangue.

A luz é:

Amarela no sol,

amarela na vida e

amarela no amor.

Pero nos ollos daquela nena…

A luz era verde, branca, azul, amarela…

Todas as cores que eu pensaba


Estaban nos ollos… daquela nena.

NOME: Marta Gómez Martín// CURSO: 2º B ESO

17/3/11

Entroido 2011


22/2/11

20/2/11

II Concurso "Liga de Debates"


O equipo do IES TORRENTE BALLESTER, aínda que foi o único que gañou os dous debates, quedou de terceiro (por moi puquiña puntuación de diferenza) e non pasou á final.
Pero non por iso, podemos deixar de felicitar ao noso alumnado, que o fixo realmente ben.
Parabéns tamén para os equipos finalistas: Valle Inclán e Luís Seoane.

17/2/11

II CONCURSO "LIGA DE DEBATES"



O Concello de Pontevedra organiza por segundo ano este concurso para potenciar o uso da lingua oral en contextos formais e informais, traballar a fluidez comunicativa ligada á oratoria, incitar o pensamento crítico e analítico, fomentar a diversidade de opinión, a tolerancia fronte a diferentes cuestións e o traballo en equipo e por último dinamizar os EDLG dos centros de ensino de secundaria, que por outro lado xa traballan conxuntamente no "Ben veñas, maio".

Os rapaces tiveron que preparar argumentos a favor e en contra , dado que non saben que opción terán que defender, sobre dous temas que lles deron previamente

"Debese alongar a vida dunha persoa mentres a técnica o permita?"

"Deben os Gobernos promover os medios de comunicación en galego?"

Do noso centro foron 9 alumnos de 1º de Bacharelato, 4 alumnos (2 oradores e 2 investigadores), máis 5 alumnos de apoio e, en caso de necesidade, suplentes que xa asistiron a unha xornada de formación o 18 de decembro, agora deberán pasar a fase preliminar que será o sábado 19 de febreiro no Pazo da Cultura e logo a fase final, pois non dubidadmos de que o farán moi ben e clasificaranse, o sábado 26 de febreiro no café Moderno.

Os compoñentes do noso equipo son:

NEREA MEIS CORES

TAMARA PAZOS

DUNIA ABOUFARES

JOSÉ MANUEL DURÁN

ALBA LUGILDE

ALBA PERMUY

ESTEFANÍA PIÑÓN

CLAUDIA MÉNDEZ

MARÍA ORGE e

RAQUEL RODRÍGUEZ



MOITA SORTE rapaces !!!!!!

11/2/11

Alicia&Alicia, teatro



Hoxe pola mañá, cos alumnos de 2º de ESO, fomos ao Pazo da Cultura de Pontevedra a ver a representación teatral "Alicia&Alicia"
Tendo como referencia a obra de Lewis Carrol mestura unha linguaxe estética, musical, coreográfico e audiovisual.
Esta actividade é unha das numerosas propostas do 12º Salón do Libro Infantil e Xuvenil da nosa cidade que nesta edición xira ao redor do fío condutor da mentira, mentiras que desencadean historias.
Se queres coñecer a programación de actividades do Salón clica que hai un enlace directo.

9/2/11

Lois Pereiro. Documental

7/2/11

Lois Pereiro

2/2/11

Documental sobre Lois Pereiro

27/1/11

I CERTAME DE NARRATIVA


Convócase O I Certame de Narrativa do IES, convocado polo EDLG e a Biblioteca Mª Victoria Moreno . Poden participar todos o alumnado matriculado no centro e NOVIDADE!: os ex-alumnos e ex-alumnas. Se estades interesados, mirade as bases. Os premios son interesantes, e ademais... o voso nome poderá aparecer nas pinturas da Biblioteca do Centro.



Animádevos!

25/1/11

30 de Xaneiro "Día da paz"


DECÁLOGO PARA MEDRAR NA PAZ

1. Es alguén moi importante. Quérete a ti mesmo.

2. Valora aos teus amigos. Daralles seguridade.

3. Descubre todo o que te une aos demais por riba do que te separa.

4. Respecta as opinións. Así contribuirás ao diálogo.

5. Aprende a escoitar, comprenderás mellor aos demais.

6. Esfórzate por terminar ben as túas tarefas. Gozarás co resultado.

7. Cumpre coas túas responsabilidades, os demais necesítano.

8. Traballa en grupo. Ninguén sabe máis que todos xuntos.

9. Comparte as túas cousas cos demais. Farate moi feliz.

10. Pon paz dentro de ti, desta forma estarás poñendo tamén paz ao teu redor.