23/11/17

Ceiba de luz


No día de onte tivo lugar a presentación do libro CEIBA DE LUZ de Manuel Lourenzo González, premiado co Jules Verne de literatura xuvenil 2017.
No acto, organizado en colaboración co Ateneo de Pontevedra, o autor estivo acompañado polo editor Manuel Bragado e o profesor Anxo González, co que mantivo unha conversa moi amena arredor do libro e da escrita.
Nós aproveitamos esta presentación para vos convidar á lectura deste libro cargado de intriga, aventuras e... outras cousas.


22/11/17

ENCONTRO CON MARÍA SOLAR






ENCONTRO CON Mª SOLAR
martes 21 de novembro acudimos ao Teatro Principal co alumnado de 4º de ESO, que previamente lera Os nenos da varíola, para unha charla entre María Solar, Marta López, microbióloga do CSIC  e a responsable da Unidade de Cultura Científica do CSIC, Laura Martínez.
María Solar é licenciada en Xornalismo e en Bioloxía ademais de mestra. Como xornalista traballou na Radio Galega, onde dirixiu e presentou o programa As tardes da Galega, e na TVG, onde presentou programas como Zigzag diario, Ciencianosa, En pé de festa, Arrampla con todo e actualmente: Revista fin de semana.
Algunhas das súas obras son:
Literatura infantil: Vou ter un irmán!!!, As meigas de Lupa, O meu pesadelo favorito,...
Narrativa: As horas roubadas, Os nenos da varíola,...
Neste encontro, de forma atractiva e a través dunha conversa acerca do libro, estas tres mulleres que nos acompañaron achegaron ao alumnado a un dos feitos máis importantes da historia da medicina como é o descubrimento da vacina da varíola por Jenner. Porén, fixeron especial fincapé, no papel dos protagonistas da Expedición Filantrópica de Balmis, sobre todo, no deses nenos elixidos para esa cadea de transporte aos que María Solar lles pon personalidade no seu libro.

17/11/17

MURAL Mª VICTORIA

COMEZA A HOMENAXE
Como xa todos e todas sabemos, no 2018 dedícaselle o día das Letras Galegas a Mª Victoria Moreno e no Torrente Ballester estamos encantad@s. Profesora no noso centro, deixou unha pegada moi grande como compañeira e tamén como profesional do ensino. Ademais tivemos o privilexio de que nos legara a súa biblioteca. Como non imos estar entusiasmados coa elección de Mª Victoria?
A nosa biblioteca leva o seu nome e a partir deste ano contará cun mural que a terá como protagonista. O profesor Manuel Martí dirixe ao alumnado nesta tarefa que lles está quedando impresionante.

 Pero non nos conformamos coa biblioteca e saímos fóra


XURXO SOUTO NO TORRENTE BALLESTER

O 17 de novembro, Xurxo Souto visitou o noso centro con motivo da exposición Bravú XX, movemento do que é un dos fundadores. El, como líder e vocalista da banda de rock Os diplomáticos de Monte Alto e tamén como difusor da música galega de agora e sempre, fixo un magnífico guía da exposición.
Xurxo, ademais de músico, é filólogo clásico e escritor; A tralla e a arroutada e O retorno dos homes mariños son algúns exemplos da súa obra narrativa.
A isto temos que engadir o seu traballo en diversos programas de radio en galego como A tropa da tralla, Aberto por reformas ou Mil ribeiras e tampouco podemos esquecer a súa fase de actor e guionista en producións galegas como Mareas vivas ou Entre bateas.
Recentemente formou o grupo musical Os tres trebóns.

UN PRACER CONTAR CON EL NO NOSO INSTITUTO!!!  


16/11/17

SAÍDA AO TEATRO

O alumnado de 1º de Bacharelato foi ao teatro ver a obra A noiva de don Quixote de Eme2, dentro da programación Ponteatro. Na obra cóntase como, despois da morte de don Quixote, Dulcinea perdeu a esperanza de casar, sobre todo, chamándose Aldonza Lorenzo, non sendo nova nin bela e traballando de camareira nun mesón cervantino.


DÁLLE Á LINGUA


Dálle á lingua
O alumnado do IES Torrente Ballester participou neste espazo de radio, para activar a oralidade en lingua galega, con retallos da obra de Mª Victoria Moreno, do libro de Pepe Carreiro Historia da lingua galega, de Carlos Negro (Penúltimas tendencias)...
Con esta actividade os rapaces e rapazas achegáronse á radio como un medio de comunicación próximo, descubriron a obra de diferentes escritores e practicaron a comunicación oral en galego. 

8/11/17

Exposición BRAVÚ XX (1994/2014)


O Concello de Pontevedra prestounos a exposición BRAVÚ XX, coa que, o EDLG pretende que o noso alumnado coñeza esta referencia cultural. O bravú nace nunha taberna de Viana unha noite de 1994 e son os propios músicos os que crean esta etiqueta que servirá para bautizar o rock cantado en galego.

27/10/17

CÁNTAMO EN GALEGO: FALADOIROS

Faladoiro do Cántamo en galego! No faladoiro que se realizou no noso centro, Susana Pedreira entrevistou, como xa anunciamos previamente, a De Vacas e así o gozou o noso alumnado




 

A CABEZA DE DRAGÓN







A CABEZA DE DRAGÓN de Producións Teatrais Excéntricas, foi a obra de teatro á que levamos ao alumno de terceiro de ESO. Unha versión en galego da obra teatral de Valle Inclán, dirixida por Quico Cadaval.

25/10/17

EXCURSIÓN AO BIERZO






O Equipo de Dinamización de Lingua Galega organizou, un ano máis, unha saída didáctica ao Bierzo para coñecer o galego exterior e de paso facer unhas visitas imprescindibles. En primeiro lugar, visitamos as Medulas, que deixaron impresionado ao alumnado, paseamos por Cacabelos. Seguimos ata Vilafranca do Bierzo, onde durmimos e o alumnado, aproveitando que había feira, fixo unhas gravacións para comprobar o uso do galego nesta comarca e ver as súas características.Tamén estivemos en Balboa e rematamos cunha visita guiada polo pazo de Canedo (Prada A Tope). En todo este percorrido contamos coas explicacións de Xosé Álvarez, que estivera de profesor de Lingua Galega e Literatura en terras bercianas.

22/10/17

De Vacas no noso instituto!

Este mércores 25 de outubro, Onda Cero gravará no noso centro o programa Cántamo en Galego! Susana Pedreira entrevistará a De Vacas, un cuarteto composto pola Marela (Inés), a Morena (Paula), a Pinta (Faia) e a Rubia (Guille Fernández). A actividade, organizada polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega, vai dirixida ao alumnado de 2º e 3º ESO, pero a entrada é libre. 


Este mércores poderás coñecer máis polo miúdo a De Vacas, pero mentres podes ir escoitando un dos seus temas!


5/10/17

Benvida ao novo curso

Desde o Equipo de Dinamización da Lingua Galega querémoslle dar a benvida ao curso 2017/2018 que, coma sempre, terá de protagonista á lingua galega e da súa man faremos teatro, iremos ao teatro, seremos regueifeiros/as, converterémonos en poetas, narradores/as, viaxaremos por terras bercianas para escoitar o noso falar e moitas máis cousas. Así que non tendes máis ca subir ao noso carro que se acaba de poñer en marcha.

6/6/17

O Equipo de Dinamización de Lingua Galega organizou unha saída didáctica ao Bierzo para coñecer o galego exterior e de paso facer unhas visitas imprescindibles. En primeiro lugar paramos en Montefurado, seguimos polas Medulas, que deixaron impresionado ao alumnado, paseamos por Cacabelos, durmimos en Ponferrada, pola que tamén fixemos unha andaina. Seguimos por Vilafranca do Bierzo, Corullón , Balboa e rematamos en Monforte de Lemos. En todo este percorrido contamos coas explicacións de Xosé Álvarez, que estivera de profesor de Lingua Galega e Literatura en terras bercianas.

5/6/17

Excursión ao BIERZO

23/5/17

Asistencia a un xuízo na Audiencia Provincial (4º ESO C )
O obxectivo desta visita foi de poñer en coñecemento do alumnado por unha parte o funcionamento da xustiza e por outro ver en directo a aplicación do vocabulario que viran na aula.
Ademais puideron realizarlles preguntas aos maxistrados, ao fiscal e aos avogados da defensa sobre diversos aspectos relacionados co mundo da xustiza, a situación da lingua galega nese ámbito e o tipo de lingua empregado nos procedementos xudiciais.

 Igualmente puideron asistir a dous xuízos, malia que nun caso houbo conformidade por parte da acusada e que no outro só compareceu un dos acusados, polo que tivo que ser adiado para outra data. Aínda así, e á espera de poder asistir a un xuízo completo, se é posible, puideron coñecer como funciona un procedemento xudicial e puideron comprobar que a lingua galega é tan válida como outra calquera para tales procedementos.



15/5/17

PROGRAMA DE RADIO: ONDA CERO








Alumnado de 1º B de ESO e de 4º C
Con motivo do Día das Letras Galegas e de dedicárselle este ano a Carlos Casares, o alumnado de ESO dos cursos 1º B e 4º C participaron un programa de radio da emisora Onda Cero. Nel leron unha biografía de Casares e textos de obras deste autor para animar á súa lectura. Igualmente participaron nunha rolada de preguntas ao alcalde de Pontevedra sobre a situación lingüística no Municipio de Pontevedra e sobre as medidas que que podían adoptar para favorecer o seu uso.
Finalmente, dous alumnos, como mostra de que o galego tamén vale para as actividades de lecer que adoitan realizar os máis novos, participaron nunha pequena pelexa de galos ou regueifa.
Por parte do profesorado participante nesta actividade informouse sobre o labor da biblioteca do centro como ente dinamizador e sobre o Programa de Voluntariado Solidario.
Así mesmo, informouse do labor dun Equipo de Dinamización LingüÍstica e a súa importancia no proceso de normalización da Lingua Galega.