30/12/13

22/4/13

12/4/13

De Catamarca a Atl

Manuel Lourenzo from Biblioteca Torrente Ballester on Vimeo.
O Equipo de Dinamización da Lingua Galega e o Equipo de Biblioteca do instituto elaboraron e montaron na biblioteca unha exposición sobre a persoa e a obra do noso compañeiro Manuel Lourenzo González. Esta exposición pretende ser un xeito de recoñecer o seu labor como escritor, unha carreira que nos últimos anos foi distinguida con diferentes premios (Xerais 2008, Barco de Vapor 2011 e Blanco Amor 2011). A mostra, que permanecerá montada ata os últimos días do mes de maio, inclúe paneis informativos sobre a súa vida e a súa obra, unha selección dos seus textos publicados e unha pequena colección de "obxectos dunha realidade ficticia". 

26/3/13

Visita ao Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra


XIV Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra from Biblioteca Torrente Ballester on Vimeo.





O xoves 21 de marzo fomos ao SALÓN DO LIBRO INFANTIL E XUVENIL de Pontevedra, este áno dedicado ás máquinas: A TODA MÁQUINA.
Alí vimos os traballos presentados polos centros de ensino de Pontevedra, unha exposición sobre Marilar Aleixandre e unha serie de inventos ao longo da historia que lle debemos a persoas como Leonardo da Vinci.
Ademais, Kiko da Silva falounos do seu Garaxe Hermético, unha escola galega de ilustración, creada por el, para formar nesta profesión, ata o de agora autodidacta, dado que non se imparte na docencia universitaria por non considerar o cómic unha arte. Tamén nos amosou algunhas das súas bandas deseñadas e explicounos o laborioso proceso de transformar as ideas en imaxes e palabras.
Foi moi interesante.

13/2/13

Entroido 2013

Entroido 2013 no IES Torrente Ballester from Biblioteca Torrente Ballester on Vimeo.

Xa é unha tradición no noso instituto celebrar a chegada do Entroido e este ano non podiamos faltar a este acontecemento, así que nos vestimos de gala carnavalesca e saímos das aulas para que toda a comunidade educativa nos vise, tampouco podía fallar o tan esperado concurso de sobremesas típicas que nos adozan a ocasión, con todos estes ingredientes pasámonolo fenomenal.
Este vídeo non é máis que unha pequena mostra de todo o acontecido este ano

7/2/13

O clube de debate


A favor ou en contra? en Ponte.tv

O sábado, día dous de febreiro, comezou o club de debate no que participou o Torrente Ballester. 
O tema era "Debe o estado garantir un posto de traballo á nosa xuventude?"
 O alumnado tiña que defender a postura a favor ou en contra, dependendo dun sorteo que se facía antes de cada debate. 
 Aínda que non gañamos, os nosos rapaces e rapazas non perderon ningún dos dous debates.

Os nosos parabéns aos gañadores!

21/12/12

Premiados no concurso de postais de Nadal

Libros e Postais para o Nadal from Biblioteca Torrente Ballester on Vimeo.

Como todos os anos por estas datas o Instituto  vístese de gala para recibir o Nadal. Os alumnos do Centro, animados pola profesora de Relixión e os profesores de EPV traballaron sen descanso para presentar as súas postais ao concurso que convoca o EDLG e, A Biblioteca,  únese á celebración propoñéndovos lecturas, recén chegadas, para que as gocedes nestes días de Vacacións.

Bo Nadal para tod@s e mellor Aninovo

28/11/12

25 novembro


 Carta gañadora do

I Concurso “Se ti non tes voz, eu teño palabras”.

 A quen lle interese:

   Cada día que pasa creo que teño menos vida. Vivo nun inferno permanente onde non existe a piedade para a miña alma. Sinto medrar o medo e as angustias dun final que descoñezo, son unha boneca rota en metade dun océano de novas “Barbies”, sobrevivo quieta e soa ao borde da loucura. Non podo evitar ter medo do meu futuro, nunca pensei en escapar ata agora, coa miña cara magoada dos golpes dese insensato. Pode que esta sexa a última carta que escriba, pode que a miña inesperada fuga non saia coa precisión do previsto. Teño que intentalo. Non podo ficar nesta casa cunha persoa que non me quere, ter medo de relacionarme con calquera para que non me golpeen máis. Síntome perdida. Asustada. Agora mesmo necesito un cachiño de terra onde aferrarme coa seguridade que nunca tiven. Levo catro días sen derramar bágoa ningunha, o meu maior récord.
   Estou segura de que esta é tan só unha historia máis, que se alguén dá con esta carta non cambiará o que millóns de mulleres sofren e teñen sufrido cada minuto da súa existencia. Eu sei coa certeza do maior sabio do mundo o que se sente: cando o primeiro golpe chega, culpabilízaste. Cando un tempo despois os golpes se repíten, non podes crelo, é remotamente imposible. Comezas a desculpar todas as accións de quen te maltrata. O que vén despois é o peor. Decátaste de que non te quere e intentas remedialo por todos os medios posibles. Tamén sei con certeza que esta é a última fase que ocorre sempre, a continuación hai dúas opcións: a total ignorancia e a fuxida. As miñas maletas descansan na porta da entrada. Non tiven o valor de denuncialo, porque o quixen, e, ás veces, cando recupero os recordos do pasado, quéroo.
   Sempre estiven equivocada e non o puiden ver. Eu non sei a razón de por que seguín apostando por el. Supoño que cando alguén se namora perde o sentidiño.
   Rapazas, nenas, mulleres e señoras do mundo: non deixedes que ninguén sexa o dono da vosa vida. Sodes como sodes e ninguén ten dereito a controlarvos. Se confiades en min, marcharemos xuntas; ficaremos nun lugar onde ninguén nos moleste e prométovos que sempre coidaremos as unhas das outras e que nunca voltaremos a sentirnos soas. Temos unha historia en común que sempre nos unirá cun fío de quilómetros.
   Tan só o amor cura. A rabia,  o sentimento de culpa e o medo só conseguen afastarte das túas verdadeiras capacidades. Non pechedes os vosos corazóns, amade e deixarvos amar por alguén que o faga de verdade. Non pechedes o libro,  só pasade páxina, aínda que custe.
   Quérovos, miñas princesas. Demostrade que nós tamén podemos levantar a voz e berrar. E se a algunha lle falta a voz, a nós sóbrannos palabras.
                                                                    Asinado: Unha valente máis.


Autora: Yolanda García Ferradás 3º de ESO


2º Premio

Avignon, rue de la Carreterie.
36003
Luns, 27 de outubro do 2010

Querida mamá:
Escríboche esta carta para informarte de que por fin, despois de moitos esforzos, rematei os estudos e de que me contrataron nunha empresa como avogada; mais a verdadeira razón pola que estou tan contenta é porque vou poder levar o caso polo que dende hai cinco anos estás no cárcere.
Onte lin no xornal que encarceraran un home, un HOME, mamá, por abusar sexualmente da súa filla e  por mallar na súa muller.  A nena tiña tan só quince anos e, segundo se explicaba no xornal, levaba aturando que o seu pai a violase desde os trece, e vendo como mallaba na súa nai dende os sete.
Eu lévote vendo sufrir dende que teño catro anos, e sempre pensei que era culpa túa, tanto polo que dicía o meu pai, como polo que no colexio me dicían que contaban as leis; foi por iso polo que me decidín a estudar dereito, e foi por iso tamén polo que te animei  a denunciar,  sen pensar nas consecuencias.
Dende que te encarceraron "por denunciar os malos tratos do teu marido e por facer algo que provocase que el che pegase" , non parei de pensar que era culpa miña por animarte a denunciar...
Durante estes catro anos non pensei noutra cousa que non fose sacarte do cárcere e conseguir que viñeses vivir comigo a Francia. Co soldo que agora gaño pagarei a túa fianza, mercarei unha casa na que poidamos vivir as dúas, e o día do xuízo conseguirei que os xuíces te recoñezan como inocente e que metan a papá no caldeiro. vaia se o conseguirei! Por Deus que o vou conseguir!
E sabes por que?
Porque así empezará o proceso polo cal seremos recoñecidas como seres humanos, poderemos saír soas á rúa sen ter que estar acompañadas dun home da nosa familia, poderemos ensinar o pelo, poderemos denunciar as violacións  e os malos tratos sen medo a sermos castigadas; pero sobre todo, mamá, sobe todo, fareino porque  te quero.
Con moitísimo amor,
A túa filla.
                                                   Autora: Marta Gómez Martín, 4º de ESO


 .

21/11/12

Concurso de postais de Nadal

Como en anos anteriores ao chegar estas datas o EDLG , o Departamento de Relixión e o Equipo de Biblioteca do Centro convocan o Concurso de Postais de Nadal; esperamos, coma sempre, moita participación.
Haberá premios para os gañadores.
Ánimo e, a debuxar!

8/11/12

18/9/12

Benvida

Xa estamos novamente ao comezo doutro curso no que nos propoñemos seguir traballando para e polo noso idioma   e para iso o EDL conta coa vosa estimable axuda.
Desexámosvos un moi bo comezo de curso

23/6/12

Boas vacacións


Un curso máis que remata, moitos poderedes gozar das vacacións pois estudastes e traballastes moito,outros teredes que repasar algunhas cousas en verán para examinarvos en setembro, pero todos nos volveremos encontrar no novo curso.
Dende o  EDL desexámosvos un feliz verán.