25/2/18

(TRANS)FORMANDO O MUNDO

Eva Mejuto volveu polo noso centro acompañada desta volta polo dúo Canela Cafuné. Acollemos no centro un dos obradoiros da Concello de Pontevedra para achegar ao alumnado de 2º da ESO a realidade trans: (Trans)formando o mundo.

A partir de fragmentos do libro 22 segundos, o alumnado puido entrar en contacto con Álex, un mozo transexual que ten que ir derrubando muros ao longo da súa vida. Así, as rapaces e rapaces de 2º da ESO participou nunha actividade de promoción da tolerancia e prevención do acoso escolar.




16/2/18

OPS! O galego, a nosa vantaxe




OBRADOIRO: OPS!
O alumnado de 3º de ESO asistiu a este obradoiro, impartido por AGAL, no que dunha forma clara e amena se puxo en valor a lingua galega, facendo ver a súa potencialidade e contrarrestando os prexuízos: Dominando o noso idioma podemos acceder ao portugués e comunicarnos co mundo da lusofonía 

María Victoria Moreno





María Victoria Moreno, mestra e escritora, naceu en Estremadura. En Madrid licenciouse en Filoloxía Románica. No ano 1963 chegou a Pontevedra. Logo dunha etapa en Lugo e Vilalonga (Sanxenxo) volve a Pontevedra, onde foi profesora nos institutos Valle-Inclán e Torrente Ballester, desde os anos 80 ata a súa xubilación. 



Desde o comezo, identificouse con Galicia e coa súa cultura. Tamén participou activamente na vida cultural e política da cidade e do país colaborando en conferencias, cursos e encontros literarios. Ademais de novelas e contos, escribiu obras de ensaio, colaborou na redacción de libros de texto e dirixiu a colección "Árbore" da editorial Galaxia.



Como profesora, afanábase na procura dun método de ensino no que prevalecese o gozo que supón a aprendizaxe. Fronte ás prohibicións, a censura e o medo, María Victoria ofrecía liberdade e xogos. Alimentaba os seus "cachorros" de palabras fermosas. A eles deixou en herdanza a súa biblioteca persoal.


Era encantadora de palabras, amante dos libros e defensora da literatura infantil e xuvenil. Sentía, como os rapaces, a incomprensión dos adultos e o desacougo de andar perdida no mundo. De nena escapaba da triste realidade da posguerra coa fabulación de historias e, na adolescencia, escribiu unha novela, que se chamaría co paso do tempo Donde el aire no era brisa. Pedro Ferriol, compañeiro durante os seus últimos anos, presentou a obra ao concurso literario de Monleón, onde foi merecedora do primeiro premio. Quedou finalista do Premio Café Gijón e co relato La casa de las Marías obtivo o primeiro premio dos Jogos Florais Minho-Galaicos de Guimarães. 




Despois, xa en Galicia, adquiriu o compromiso de escribir só en galego. Contaba María Victoria que soñara Mar Adiante como a singradura dunha escola ideal. O conto "Crarisca e Luceiro" levou o segundo premio do Concurso Nacional de Contos Infantís "O Facho" en 1972. Leonardo e os fontaneiros (1986) era a súa obra preferida. Esta novela, que propón diferentes formas de lectura, reflicte o mundo interior dun rapaz e a súa amizade cun can da rúa. Levou o terceiro premio do concurso "O barco de vapor" en 1985


Anagnórise(1989) é unha das obras con máis éxito da literatura xuvenil galega. A xeito de "road-movie", unha muller misteriosa recolle no seu coche a un desorientado adolescente que emprenderá unha viaxe cara ao coñecemento. Guedellas de seda e liño (1999), mención especial White Ravens 2002, retrata dous mundos, o paio e o xitano, a través da vida de dúas nenas e un primeiro amor. No 2004, afectada polo cancro de mama que lle levou a vida, escribiu Diario da luz e a sombra, reflexión sincera e valente sobre os efectos da enfermidade.





María Victoria era xenerosa e decidida, valorosa ante a vida, o amor e a morte. Malia ter pasado por momentos moi duros, apostaba pola esperanza. Gustáballe pasear amodo, cociñar, a música, os cans e as flores. Amaba "a beleza da paisaxe, da vida, das persoas e das palabras".







Alicia Pardo Pumar, Andrea Villaverde Puente e Silvia Vilas González


9/2/18

ENCONTRO CON EVA MEJUTO

O alumnado de 3º de ESO asistiu a unha charla de Eva Mejuto, autora de 22 segundos, libro que leran previamente. Esta obra busca visibilizar, desde a empatía, ás persoas transesexuais, que historicamente foron silenciadas e denigradas.

Eva Mejuto aproveitou este encontro para conversar co alumnado sobre os aspectos literarios da súa obra: de onde xurdira a idea, como foi escribilo, os elementos narrativos. Ademais, insistiu en lanzar unha mensaxe en defensa do colectivo trans que, representado en Alex, protagoniza a historia de 22 segundos. 



CONCURSO DE SOBREMESAS DE ENTROIDO

CONCURSO DE SOBREMESAS. TODO UN ÉXITO!!
Veleiquí algunhas receitas das sobremesas máis loadas para que practiquedes:

A gañadora elaborada polos irmáns Roi e Antía Varela Bermúdez:

  

Boísimas!!




 Tampouco estaban nada mal






 Había moito que probar

FELIZ ENTROIDO!! 


2/2/18

MULLERES BRAVAS DA NOSA HISTORIA

Mª VICTORIA MORENO
A editorial Urco, permitiunos usar o libro que eles publicaron sobre Mª Victoria Moreno, con texto de Eli Ríos e Ilustracións de Eva Agra, para dar a coñecer a escritora homenaxeada nas Letras Galegas 2018. 


 

15/1/18

ROTEIRO CASTELAO

ROTEIRO CASTELAO
Os alumnos e alumnas de 4º de ESO participaron, o venres 12 de xaneiro, no Roteiro Castelao polas rúas da zona monumental de Pontevedra e a visita á Sala Castelao do Museo de Pontevedra. Esta actividade foi promovida pola Concellaría de Normalización Lingüística que, ademais, agasallou ao alumnado co libro Camiñadas con  Castelao que complementa a visita guiada.




12/1/18

Os nomes das cousas nas nosas láminas

As nosas láminas de vocabulario son materiais que axudan ao alumnado a coñecer novas palabras en lingua galega. Por iso, ademais de colocalas nas paredes do noso centro, tamén queremos compartilas no blog. Aí van algunhas...




23/11/17

Ceiba de luz


No día de onte tivo lugar a presentación do libro CEIBA DE LUZ de Manuel Lourenzo González, premiado co Jules Verne de literatura xuvenil 2017.
No acto, organizado en colaboración co Ateneo de Pontevedra, o autor estivo acompañado polo editor Manuel Bragado e o profesor Anxo González, co que mantivo unha conversa moi amena arredor do libro e da escrita.
Nós aproveitamos esta presentación para vos convidar á lectura deste libro cargado de intriga, aventuras e... outras cousas.


22/11/17

ENCONTRO CON MARÍA SOLAR






ENCONTRO CON Mª SOLAR
O  martes 21 de novembro acudimos ao Teatro Principal co alumnado de 4º de ESO, que previamente lera Os nenos da varíola, para unha charla entre María Solar, Marta López, microbióloga do CSIC  e a responsable da Unidade de Cultura Científica do CSIC, Laura Martínez.
María Solar é licenciada en Xornalismo e en Bioloxía ademais de mestra. Como xornalista traballou na Radio Galega, onde dirixiu e presentou o programa As tardes da Galega, e na TVG, onde presentou programas como Zigzag diario, Ciencianosa, En pé de festa, Arrampla con todo e actualmente: Revista fin de semana.
Algunhas das súas obras son:
Literatura infantil: Vou ter un irmán!!!, As meigas de Lupa, O meu pesadelo favorito,...
Narrativa: As horas roubadas, Os nenos da varíola,...
Neste encontro, de forma atractiva e a través dunha conversa acerca do libro, estas tres mulleres que nos acompañaron achegaron ao alumnado a un dos feitos máis importantes da historia da medicina como é o descubrimento da vacina da varíola por Jenner. Porén, fixeron especial fincapé, no papel dos protagonistas da Expedición Filantrópica de Balmis, sobre todo, no deses nenos elixidos para esa cadea de transporte aos que María Solar lles pon personalidade no seu libro.

17/11/17

MURAL Mª VICTORIA

COMEZA A HOMENAXE
Como xa todos e todas sabemos, no 2018 dedícaselle o día das Letras Galegas a Mª Victoria Moreno e no Torrente Ballester estamos encantad@s. Profesora no noso centro, deixou unha pegada moi grande como compañeira e tamén como profesional do ensino. Ademais tivemos o privilexio de que nos legara a súa biblioteca. Como non imos estar entusiasmados coa elección de Mª Victoria?
A nosa biblioteca leva o seu nome e a partir deste ano contará cun mural que a terá como protagonista. O profesor Manuel Martí dirixe ao alumnado nesta tarefa que lles está quedando impresionante.

 Pero non nos conformamos coa biblioteca e saímos fóra


XURXO SOUTO NO TORRENTE BALLESTER

O 17 de novembro, Xurxo Souto visitou o noso centro con motivo da exposición Bravú XX, movemento do que é un dos fundadores. El, como líder e vocalista da banda de rock Os diplomáticos de Monte Alto e tamén como difusor da música galega de agora e sempre, fixo un magnífico guía da exposición.
Xurxo, ademais de músico, é filólogo clásico e escritor; A tralla e a arroutada e O retorno dos homes mariños son algúns exemplos da súa obra narrativa.
A isto temos que engadir o seu traballo en diversos programas de radio en galego como A tropa da tralla, Aberto por reformas ou Mil ribeiras e tampouco podemos esquecer a súa fase de actor e guionista en producións galegas como Mareas vivas ou Entre bateas.
Recentemente formou o grupo musical Os tres trebóns.

UN PRACER CONTAR CON EL NO NOSO INSTITUTO!!!  


16/11/17

SAÍDA AO TEATRO

O alumnado de 1º de Bacharelato foi ao teatro ver a obra A noiva de don Quixote de Eme2, dentro da programación Ponteatro. Na obra cóntase como, despois da morte de don Quixote, Dulcinea perdeu a esperanza de casar, sobre todo, chamándose Aldonza Lorenzo, non sendo nova nin bela e traballando de camareira nun mesón cervantino.