12/4/17

Carlos Casares


Carlos Casares

Naceu en Ourense, o 24 de agosto de 1941. Cando tiña 4 anos marchou para Xinzo da Limia. A, seu pai, Francisco, era mestre. Vivía nun ambiente entre aldeán e vilego, cunha extensa familia espallada en Lamas, Beiro, Sabucedo e Xinzo. Este último lugar márcao moito, incluso reaparece nos seus libros. Alí aprende os nomes das árbores e paxaros e escoita historias da guerra antifranquista. Inicia tamén relación co cine, coa radio, coa lectura, co fútbol, cos xogos e cos xoguetes en miniaturas que el mesmo facía. Na súa infancia foi practicamente feliz con algúns sucesos dramáticos. Sobre os tres anos, case morre no verán afogado nun río onde o salva a súa curmá e despois anos adiante, na mesma situación, salvaría ao seu irmán Xabier. O recordo deses veráns arredor do lume e amenizados con grandes historias contadas por xente querida retratounos na súa literatura e isto foi importante para a súa maneira de ser.
    Súa nai, Manolita Mouriño, vivía con moita intensidade o seu catolicismo. Pola contra, seu pai era de ideas liberais e máis escéptico. Carlos comezou en 1952 a estudar no Seminario de Ourense, idea da súa nai. Alí comezou o seu destino literario, xa que publicou un periódico chamado El Averno, e el era "director e único redactor". Don Agustín Madarnás, profesor de literatura foi o seu definitivo propulsor mandándolle escribir un relato que leu en alto. A partir dese momento lía todo tipo de literatura, incluso en verán. No seminario levou excelente formación clásica e pola contra viu episodios de inxustiza. Xa fóra de aí, presentouse a un concurso provincial de relatos breves e, ao gañar, comezou a ter amizade con grandes escritores e artistas.
  Nos 60 marchou de Ourense a Compostela, onde entra rapidamente en contacto co grupo de estudantes galeguistas nucleados en torno a Ramón Piñeiro. A relación con este converteuse en íntima e indestrutible co tempo. A súa condición de galeguista permítelle, desde a Agrupación Democrática de Estudantes, encargarse de actividades culturais que contestan o oficialismo franquista do SEU. Tras dubitativos inicios poéticos, en 1967, publica  Vento ferido, libro de relatos xuvenís incluso xa en inglés. Un ano máis tarde gaña o primeiro concurso de relatos convocado pola  Asociación Cultural "O Facho"con A galiña azul, conto para nenos con espírito libertario .  No seguinte libro, Cambio en tres a temática da emigración afastarao do realismo social daquel tempo. Pola súa parte como xornalista, aparece en La Región de Ourense,  a serie "Con esta lupa" co debuxante Siro. Acaba mal nesta década porque nun colexio de Viana de Bobo, agora chamado Instituto "Carlos Casares", é acusado de "comunista" por pretender que os nenos pobres da vila puideran acceder gratuitamente aos servizos do comedor escolar. O conflito, con obra de teatro escolar polo medio, remata con Casares expendientado, despedido e inhabilitado para impartir a docencia en todo o territorio galego. Ten que marchar a Bilbao.

    
 En 1971 nun tren cara a Santiago de Compostela coñece a Kristina Berg, unha muller sueca coa que  casou. Iso ábrelle as portas de Suecia, a que converte nunha especie de modelo ideal para Galicia.
 Afiánzase como escritor con As laranxas máis laranxas de todas as laranxasXoguetes para un tempo prohibido ou Os escuros soños de Clío, traduce ao galego O principiño e fai unha edición crítica da obra completa de Curros Enríquez. Inicia unha longa colaboración coa prensa, primeiro con La Región de Ourense e a partir de 1975 con La Voz de Galicia. É unha referencia importante para a política e a cultura de oposición en Galicia, sempre dende as filas do galeguismo autonomista e aparte liderado por Ramón Piñeiro e nucleado en torno a Galaxia, editorial a cuxos traballos se vincula cada vez máis estreitamente. Medra no protagonismo nos anos últimos do franquismo, e acaba expedientado xunto con Méndez Ferrín, Francisco Rodríguez, Xesús Alonso Montero e outros ensinantes polo seu apoio ás reivindicacións do colectivo de profesores non numerarios(os penenes). Vive e traballa en Cangas do Morrazo, aínda que se establece definitivamente en Vilariño da Ramallosa, no concello de Nigrán, onde adquire un terreo e constrúe unha casa. En 1976 recibe o Premio da Crítica Española por Xoguetes para un tempo prohibido, novela que xa acadara o primeiro premio do certame convocado pola Editorial Galaxia para conmemorar o seu 25º aniversario. O 27 de maio de 1978 ingresa na Real Academia Galega. Remata a década publicando o seu ensaio biográfico sobre Curros Enríquez e Ilustrísima, que chegará a ser a súa novela máis coñecida e popular.

  No ano 1982, Casares sae elixido deputado ao Parlamento de Galicia pola circunscrición electoral de Ourense. Presentouse ás eleccións como "galeguista independente" nas listas do PSdeG-PSOE e nesa andaina estivo acompañado por Ramón Piñeiro, Alfredo Conde e Benxamín Casal. Casares gardou sempre un excelente recordo daquela primeira cámara autonómica, que presidiu Antonio Rosón no Salón Nobre de Fonseca. O espírito de consenso, ao que tanto contribuíron os deputados galeguistas deu froitos como a aprobación por unanimidade da Lei de Normalización Lingüística, en cuxos debates e redacción xogou Casares un importante papel. Pouco antes de rematar a lexislatura, no ano 1985, Piñeiro decide propoñer a Casares como director da Editorial Galaxia, cargo que desempeñará ata a súa morte, procedendo a unha fonda e modernizadora reestruturación da emblemática editorial viguesa. A actividade política e editorial condicionaron innegablemente a dedicación literaria de Casares. Certamente a principios da década publicara as  biografías de Vicente Risco e Otero Pedrayo, así como un saboroso libro de conversas con Ánxel Fole, pero non volverá á creación novelística ata 1987, ano no que aparece Os mortos daquel verán. A pesar destas intermitencias, a obra literaria de Casares empeza a interesar fóra de Galicia e a ser traducida ao castelán (Os escuros soños de Clío, en 1984;  Ilustrísima, en 1986; Os mortos daquel verán, en 1987, o mesmo ano da súa edición en galego). E, respondendo a unha invitación da Unión de Escritores da Unión Soviética, viaxa en 1983 pola extinta URSS, impartindo conferencias e participando en seminarios xunto con outros escritores, como Manuel Vázquez Montalbán ou Joan Perucho, cos que establecerá unha intensa e durareira relación de amizade. O pasamento de Ramón Piñeiro en 1990 marca a fin dunha etapa na historia do galeguismo e na vida de Casares, quen a partir dese momento e ata a súa propia morte vai ter que desempeñar un papel moi semellante ao xogado nos anos anteriores polo seu amigo e mestre. 
       
      Foi en 1992 cando Casares empezou a publicar diariamente en La Voz de Galicia a súa columna  "Á marxe". O éxito sorprendeu a Casares e ao propio periódico: nunca antes unha columna escrita en galego chegara a aparecer entre as máis tenazmente lidas e preferidas polos lectores de "La Voz". Grazas a "Á marxe" Casares deixa de ser tan só un escritor coñecido e respectado para pasar a converterse nunha figura popular e querida. Nestes anos Casares multiplica a súa actividade. Continúa escribindo biografías, como as de Ramón Piñeiro, Ánxel Fole e Martín Sarmiento, e tamén abundantes títulos dedicados aos rapaces, pero céntrase sobre todo en dúas novelas de gran ambición literaria, Deus sentado nun sillón azul (1996) e O sol do verán (2002), que serían suficientes para consideralo como un dos grandes da historia das letras galegas. Recibe importantes premios, tanto polo seu labor xornalístico "Fernández Latorre", en 1993 e "Julio Camba", en 1995 como polas súas creacións novelescas. Fáltalle un voto para obter o Premio Nacional de Narrativa en 1997 por Deus sentado nun sillón azul, pero é distinguido cos Premios da Crítica de España e de Galicia. En 1998, Un país de palabras refrenda a súa rara calidade de ensaísta-narrador. Casares, sempre sen présas, sobre todo cando se trataba de sentar arredor dunha mesa ou nunha terraza de verán a falar cos amigos, é capaz de encaixar a súa vocación literaria e o seu gusto pola vida con traballos institucionais para os que é cada vez máis solicitado. Ademais de dirixir Galaxia e a revista Grial, preside o PEN Clube de Galicia e o Consello da Cultura Galega; forma parte do Padroado da Fundación Caixa Galicia; dirixe os cursos de verán da Fundación Camilo José Cela; participa activamente na vida da Real Academia Galega; imparte conferencias; escribe prólogos; visita colexios e institutos; presenta libros e asiste a innumerables actos oficiais. E un día, con case sesenta anos, non dúbida en embarcarse con oitenta escritores europeos, todos eles bastante máis novos ca el, nun Expreso da Literatura Europea que durante mes e medio percorre Europa dende Lisboa ata San Petersburgo. 
O día anterior á súa morte entregou en Galaxia a versión definitiva de  O sol do verán. Os que estiveron con el no hospital contan que minutos antes de morrer, bromeou e mesmo botou algunha risa. Era o 9 de marzo de 2002 pola mañanciña.
Este autor será o homenaxeado o proximo 17 de maio co motivo do Día das Letras Galegas, tal como acordou o plenario da Real Academia Galega, xa que é considerado como unha das figuras máis renovadoras e singulares da literatura galega. A RAG  acentúa en Casares a calidade, a vocación abertamente comunicativa e o carácter variado da súa obra. A Xunta  considera a Casares como unha das personalidades máis importantes da cultura galega das últimas catro décadas.
(Silvia Vilas e Alicia Pardo)


No hay comentarios:

Publicar un comentario