ENCONTRO CUNHA ESCRITORA
O alumnado de 1º de Bacharelato tivo un encontro con Berta Dávila que, despois de facer unha revisión da súa traxectoria vital como autora, de contar cousas sobre a súa produción poética e narrativa, leu poemas dos seus libros, algúns dos cales chegaron a emocionar aos oíntes. Houbo moita participación do alumnado que lle preguntou sobre a inspiración, a dificultade de editar, o proceso creativo; sobre a relación entre intimidade e literatura...
24/4/17
23/4/17
12/4/17
Carlos Casares
Carlos Casares
Naceu en Ourense, o 24 de agosto de 1941. Cando tiña 4 anos marchou para Xinzo da Limia. Alí, seu pai, Francisco, era mestre. Vivía nun ambiente entre aldeán e vilego, cunha extensa familia espallada en Lamas, Beiro, Sabucedo e Xinzo. Este último lugar márcao moito, incluso reaparece nos seus libros. Alí aprende os nomes das árbores e paxaros e escoita historias da guerra antifranquista. Inicia tamén relación co cine, coa radio, coa lectura, co fútbol, cos xogos e cos xoguetes en miniaturas que el mesmo facía. Na súa infancia foi practicamente feliz con algúns sucesos dramáticos. Sobre os tres anos, case morre no verán afogado nun río onde o salva a súa curmá e despois anos adiante, na mesma situación, salvaría ao seu irmán Xabier. O recordo deses veráns arredor do lume e amenizados con grandes historias contadas por xente querida retratounos na súa literatura e isto foi importante para a súa maneira de ser.
Súa nai, Manolita Mouriño, vivía con moita intensidade o seu catolicismo. Pola contra, seu pai era de ideas liberais e máis escéptico. Carlos comezou en 1952 a estudar no Seminario de Ourense, idea da súa nai. Alí comezou o seu destino literario, xa que publicou un periódico chamado El Averno, e el era "director e único redactor". Don Agustín Madarnás, profesor de literatura foi o seu definitivo propulsor mandándolle escribir un relato que leu en alto. A partir dese momento lía todo tipo de literatura, incluso en verán. No seminario levou excelente formación clásica e pola contra viu episodios de inxustiza. Xa fóra de aí, presentouse a un concurso provincial de relatos breves e, ao gañar, comezou a ter amizade con grandes escritores e artistas.
Nos 60 marchou de Ourense a Compostela, onde entra rapidamente en contacto co grupo de estudantes galeguistas nucleados en torno a Ramón Piñeiro. A relación con este converteuse en íntima e indestrutible co tempo. A súa condición de galeguista permítelle, desde a Agrupación Democrática de Estudantes, encargarse de actividades culturais que contestan o oficialismo franquista do SEU. Tras dubitativos inicios poéticos, en 1967, publica Vento ferido, libro de relatos xuvenís incluso xa en inglés. Un ano máis tarde gaña o primeiro concurso de relatos convocado pola Asociación Cultural "O Facho"con A galiña azul, conto para nenos con espírito libertario . No seguinte libro, Cambio en tres a temática da emigración afastarao do realismo social daquel tempo. Pola súa parte como xornalista, aparece en La Región de Ourense, a serie "Con esta lupa" co debuxante Siro. Acaba mal nesta década porque nun colexio de Viana de Bobo, agora chamado Instituto "Carlos Casares", é acusado de "comunista" por pretender que os nenos pobres da vila puideran acceder gratuitamente aos servizos do comedor escolar. O conflito, con obra de teatro escolar polo medio, remata con Casares expendientado, despedido e inhabilitado para impartir a docencia en todo o territorio galego. Ten que marchar a Bilbao.
Afiánzase como escritor con As laranxas máis laranxas de todas as laranxas, Xoguetes para un tempo prohibido ou Os escuros soños de Clío, traduce ao galego O principiño e fai unha edición crítica da obra completa de Curros Enríquez. Inicia unha longa colaboración coa prensa, primeiro con La Región de Ourense e a partir de 1975 con La Voz de Galicia. É unha referencia importante para a política e a cultura de oposición en Galicia, sempre dende as filas do galeguismo autonomista e aparte liderado por Ramón Piñeiro e nucleado en torno a Galaxia, editorial a cuxos traballos se vincula cada vez máis estreitamente. Medra no protagonismo nos anos últimos do franquismo, e acaba expedientado xunto con Méndez Ferrín, Francisco Rodríguez, Xesús Alonso Montero e outros ensinantes polo seu apoio ás reivindicacións do colectivo de profesores non numerarios(os penenes). Vive e traballa en Cangas do Morrazo, aínda que se establece definitivamente en Vilariño da Ramallosa, no concello de Nigrán, onde adquire un terreo e constrúe unha casa. En 1976 recibe o Premio da Crítica Española por Xoguetes para un tempo prohibido, novela que xa acadara o primeiro premio do certame convocado pola Editorial Galaxia para conmemorar o seu 25º aniversario. O 27 de maio de 1978 ingresa na Real Academia Galega. Remata a década publicando o seu ensaio biográfico sobre Curros Enríquez e Ilustrísima, que chegará a ser a súa novela máis coñecida e popular.
No ano 1982, Casares sae elixido deputado ao Parlamento de Galicia pola circunscrición electoral de Ourense. Presentouse ás eleccións como "galeguista independente" nas listas do PSdeG-PSOE e nesa andaina estivo acompañado por Ramón Piñeiro, Alfredo Conde e Benxamín Casal. Casares gardou sempre un excelente recordo daquela primeira cámara autonómica, que presidiu Antonio Rosón no Salón Nobre de Fonseca. O espírito de consenso, ao que tanto contribuíron os deputados galeguistas deu froitos como a aprobación por unanimidade da Lei de Normalización Lingüística, en cuxos debates e redacción xogou Casares un importante papel. Pouco antes de rematar a lexislatura, no ano 1985, Piñeiro decide propoñer a Casares como director da Editorial Galaxia, cargo que desempeñará ata a súa morte, procedendo a unha fonda e modernizadora reestruturación da emblemática editorial viguesa. A actividade política e editorial condicionaron innegablemente a dedicación literaria de Casares. Certamente a principios da década publicara as biografías de Vicente Risco e Otero Pedrayo, así como un saboroso libro de conversas con Ánxel Fole, pero non volverá á creación novelística ata 1987, ano no que aparece Os mortos daquel verán. A pesar destas intermitencias, a obra literaria de Casares empeza a interesar fóra de Galicia e a ser traducida ao castelán (Os escuros soños de Clío, en 1984; Ilustrísima, en 1986; Os mortos daquel verán, en 1987, o mesmo ano da súa edición en galego). E, respondendo a unha invitación da Unión de Escritores da Unión Soviética, viaxa en 1983 pola extinta URSS, impartindo conferencias e participando en seminarios xunto con outros escritores, como Manuel Vázquez Montalbán ou Joan Perucho, cos que establecerá unha intensa e durareira relación de amizade. O pasamento de Ramón Piñeiro en 1990 marca a fin dunha etapa na historia do galeguismo e na vida de Casares, quen a partir dese momento e ata a súa propia morte vai ter que desempeñar un papel moi semellante ao xogado nos anos anteriores polo seu amigo e mestre.
Foi en 1992 cando Casares empezou a publicar diariamente en La Voz de Galicia a súa columna "Á marxe". O éxito sorprendeu a Casares e ao propio periódico: nunca antes unha columna escrita en galego chegara a aparecer entre as máis tenazmente lidas e preferidas polos lectores de "La Voz". Grazas a "Á marxe" Casares deixa de ser tan só un escritor coñecido e respectado para pasar a converterse nunha figura popular e querida. Nestes anos Casares multiplica a súa actividade. Continúa escribindo biografías, como as de Ramón Piñeiro, Ánxel Fole e Martín Sarmiento, e tamén abundantes títulos dedicados aos rapaces, pero céntrase sobre todo en dúas novelas de gran ambición literaria, Deus sentado nun sillón azul (1996) e O sol do verán (2002), que serían suficientes para consideralo como un dos grandes da historia das letras galegas. Recibe importantes premios, tanto polo seu labor xornalístico "Fernández Latorre", en 1993 e "Julio Camba", en 1995 como polas súas creacións novelescas. Fáltalle un voto para obter o Premio Nacional de Narrativa en 1997 por Deus sentado nun sillón azul, pero é distinguido cos Premios da Crítica de España e de Galicia. En 1998, Un país de palabras refrenda a súa rara calidade de ensaísta-narrador. Casares, sempre sen présas, sobre todo cando se trataba de sentar arredor dunha mesa ou nunha terraza de verán a falar cos amigos, é capaz de encaixar a súa vocación literaria e o seu gusto pola vida con traballos institucionais para os que é cada vez máis solicitado. Ademais de dirixir Galaxia e a revista Grial, preside o PEN Clube de Galicia e o Consello da Cultura Galega; forma parte do Padroado da Fundación Caixa Galicia; dirixe os cursos de verán da Fundación Camilo José Cela; participa activamente na vida da Real Academia Galega; imparte conferencias; escribe prólogos; visita colexios e institutos; presenta libros e asiste a innumerables actos oficiais. E un día, con case sesenta anos, non dúbida en embarcarse con oitenta escritores europeos, todos eles bastante máis novos ca el, nun Expreso da Literatura Europea que durante mes e medio percorre Europa dende Lisboa ata San Petersburgo.
O día anterior á súa morte entregou en Galaxia a versión definitiva de O sol do verán. Os que estiveron con el no hospital contan que minutos antes de morrer, bromeou e mesmo botou algunha risa. Era o 9 de marzo de 2002 pola mañanciña.
Este autor será o homenaxeado o proximo 17 de maio co motivo do Día das Letras Galegas, tal como acordou o plenario da Real Academia Galega, xa que é considerado como unha das figuras máis renovadoras e singulares da literatura galega. A RAG acentúa en Casares a calidade, a vocación abertamente comunicativa e o carácter variado da súa obra. A Xunta considera a Casares como unha das personalidades máis importantes da cultura galega das últimas catro décadas.
(Silvia Vilas e Alicia Pardo)
3/4/17
TALLER DE ILUSTRACIÓN CON MARCOS VISO
No texto "A carón da natureza", Cousas, Castelao manifestou que empregou a literatura como canle de expresión, debido á necesidade de comunicar mensaxes que a pintura non pode expresar. Porén, a xuventude hoxe é máis de imaxes ca de palabras e nós non queremos prescindir de ningunha das dúas, así que decidimos enganchar ao noso alumnado á literatura, a través da ilustración. Para iso contamos con Marcos Viso.
Marcos Viso é arquetecto técnico pola Universidade da Coruña, pero tamén fixo o Ciclo Superior de Ilustración. Na actualidade, ademais de profesor, dedica o seu tempo á ilustración, como podemos comprobar en libros como Unha casiña branca, Todo o tempo do mundo ou Vaite xa, do que tamén é autor.
Marcos impartiu uns talleres no noso instituto, nos que, nunha primeira sesión, o alumnado era quen de crear unha historia a través dunhas ilustracións. Nun segundo taller, fíxose ao revés, dende unha historia, o alumnado creou as ilustracións.
Marcos Viso é arquetecto técnico pola Universidade da Coruña, pero tamén fixo o Ciclo Superior de Ilustración. Na actualidade, ademais de profesor, dedica o seu tempo á ilustración, como podemos comprobar en libros como Unha casiña branca, Todo o tempo do mundo ou Vaite xa, do que tamén é autor.
Marcos impartiu uns talleres no noso instituto, nos que, nunha primeira sesión, o alumnado era quen de crear unha historia a través dunhas ilustracións. Nun segundo taller, fíxose ao revés, dende unha historia, o alumnado creou as ilustracións.
Todo un éxito!!!
Suscribirse a:
Entradas (Atom)